Saturday 21 de September de 2024

Sae publicado no DOG o acordo polo que a Xunta aforrará máis de 30 millóns de euros grazas a autoprovisión e contratación centralizada de subministracións e servizos


A implantación deste sistema permitirá racionalizar e reducir os custes dos servizos

O Diario Oficial de Galicia publica na súa edición de hoxe o Acordo que aproba o catálogo de medios e prestacións susceptibles de autoprovisión e se toma razón das subministracións, obras, servizos e calquera outra prestación que serán obxecto de contratación centralizada cun aforro estimado de mais de 30 millóns de euros.

En cumprimento do mandato contido na Lei de racionalización do sector publico autonómico, o goberno galego procede a aprobar o catálogo de medios e prestacións que serán obxecto de cooperación, colaboración e asistencia no seu ámbito interno, para aproveitar ao máximo os medios propios da Administración en lugar de acudir á contratación externa.

Así mesmo, en desenvolvemento dos principios de racionalización e eficiencia do gasto público recollidos na mesma Lei, determínanse as subministracións, obras, servizos e calquera outra prestación que, polo seu carácter común, se poidan contratar de forma xeral e con características esencialmente homoxéneas para os diferentes órganos e organismos.

Os principios de autoprovisión e centralización foron asemade incorporados ao Plan de Mellora de Contratación Pública aprobado no pasado mes de xuño, para dar cumprimento aos mandatos da Lei de Racionalización, que establecía nun dos seus eixos o mandato legal de optar pola contratación centralizada como opción preferente nos casos de de subministracións e servizos homologables para os centros do sector público galego.

Autoprovisión
Coma consecuencia da posta en marcha da autoprovisión producirase un aforro estimado en 15 millóns anuais, dos que 10,9 xa están consolidados como consecuencia de ter acudido á asistencia interna da AMTEGA (6 millóns por servizos de administración electrónica); do CIXTEC (3,9 millóns como consecuencia de servizos de información económico-financeira, elaboración de nóminas, entrada de facturas e pasarela de pagos, entre outros); e da Asesoría Xurídica Xeral (1 millón de euros pola asistencia xurídica a 45 entidades do sector público autonómico).
A estes 10,9 millóns, hai que engadirlle 5 millóns anuais mais de aforro que se producirán como consecuencia da incorporación de novas prestacións a través deste mecanismo de autoprovisión: a execución de proxectos e certificacións de eficiencia enerxética nos edificios públicos por parte do INEGA; a redacción de determinados proxectos de enxeñería civil por parte da Axencia Galega de Infraestruturas; a elaboración de metodoloxías e proxectos técnicos de recollida de información e procesamento de datos estatísticos a través do IGE; e a cesión de instalacións para presentacións ou actos da Cidade da Cultura, entre outros.
Contratación centralizada
No que se refire as prestacións obxecto de centralización cómpre ter presente que a Xunta iniciou xa no ano 2009 a práctica da contratación centralizada dalgúns destas subministracións e servizos, como son a limpeza, o mantemento de edificios administrativos, o servizo de atención ao cidadán, a seguridade e a vixiancia, o combustible, a electricidade, a rede corporativa, o arrendamento de impresión, as licenzas de software e o mantemento de edificios xudiciais.

Con este acordo, engádense novas subministracións e servizos que serán susceptibles de contratación centralizada: mensaxería e paquetería, mantemento e reparación de vehículos, material de oficina e subministro de gas e gasóleo, entre outros.

Así, como consecuencia desta centralización, producirase un aforro anual estimado en 15,5 millóns de euros (15,5), aforro que comprende tanto o xa consolidado (13,4) coma o previsto coas novas centralizacións e adhesións (2,1).